Monday 06 de May de 2024

A Xunta destaca que as casas do maior permitiron a creación de 520 prazas gratuítas de atención diúrna en concellos onde non existián estes servizos


O Goberno galego puxo en marcha esta iniciativa no ano 2018 e na actualidade hai máis dun centenar de equipamentos deste tipo por toda Galicia

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou hoxe que as casas do maior permitiron a creación de 520 prazas gratuítas de atención diúrna en concellos onde non existían estes servizos. Díxoo durante unha visita á nova casa do maior de Camariñas, a segunda que se pon en funcionamento neste municipio coruñés.

Fabiola García explicou que as casas do maior son unha iniciativa do Goberno galego posta en marcha no ano 2018, co fin de levar coidados aos maiores que viven en localidades con poucos habitantes e onde antes non había este tipo de equipamentos. Así mesmo, sinalou a boa acollida que tiveron estes centros e hoxe son 104 os existentes por toda Galicia. Ademais das dúas casas do maior de Camariñas, tamén contan con estes servizos outras localidades da Costa da Morte como: Laxe, Ponteceso, Muxía e Cee.

As casas do maior enmárcanse na aposta do Executivo autonómico por achegar ás persoas maiores servizos de proximidade, que lles permitan vivir esta etapa das súas vidas onde e como prefiran. Entre estes, destacan o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que leva coidados profesionais aos domicilios de 25.000 maiores; o programa de Coidados porta a porta, co que se prestan servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria 100 % de balde por toda Galicia; ou a teleasistencia avanzada, que pon a tecnoloxía a disposición dos maiores ofrecéndolles axuda e seguimento con tan só premer un botón.

Novo centro de día en Malpica

A conselleira tamén visitou o futuro centro de día municipal de Malpica de Bergantiños, en cuxa construción a Administración autonómica investiu 150.000 euros, a metade do custe total da obra. Estas instalacións sitúanse na antiga casa do Oleiro de Buño e conta con 20 prazas de atención a maiores.